lunes, 27 de enero de 2014

PALESTRA POLÍTICA

por Pachi Vázquez
ilustración de Minux



Antes tiñas que ser rebelde para tocar rock and roll, porque se non eras quen de escandalizar a ninguén non ia haber adolescentes que pensaran que molabas e che utilizaran para proxectar a través da súa música as ganas que tiñan de dicirlle ós seus pais que non querían ser coma eles. Agora iso é un anuncio de Mentos, e Mick Jagger é un señor de setenta anos que se esforza en ser erótico e nos dá repelús porque o consegue. Iso é escandalizar? Probablemente, pero entón a cousa cambiou moito.

En Shine a Light, a peli que fixeron os Rolling con Scorsese, eles tocan no cumpreanos de Bill Clinton. Nos sesenta non se lles tería ocorrido ser tan colegas dun político (un ex-presidente ademais, que son os peores), pero aquí aparece Keith Richards e dille a Clinton "Alégrome de verte". Co cal, ou ben os Stones sempre estiveron no allo ou Clinton, aquel político que fumara porros pero sen tragar o fume, comparte con eles algunhas experiencias. Narcóticas, sexuais? Queremos que os nosos políticos dean sensación de perigo? Somos un pouco contraditorios, supoño. John Kerry tocaba o baixo, Juan Fernando López Aguilar a guitarra nos comités do PSOE e Baltar o trombón. Destes o último é o que máis ten que ver co rock and roll, e probablemente sexa pola sensación de perigo. Barack Obama, a única estrela de rock da actualidade, foi máis lonxe que Clinton e recoñeceu que tomara cocaína. É máis, que era o único que lle daba sentido á súa vida alienada aló polos oitenta. Obama, o home perfecto, non só se droga como Jim Morrison. Tamén apareceu na tele bailando unha canción de Beyoncé, cando só era senador (como Bárcenas daquela), co cal suxeriu como tantos outros artistas do espectáculo a súa potencia sexual (que esperar de alguén que se move así?). E ademais diso canta marabillosamente, como fixo cando un montón de cantantes de blues (tamén Mick Jagger) lle pasaron o micrófono mentras tocaban para el na Casa Branca.



En España hai un presidente aparentemente menos rock que Obama, pero Rajoy revélase pouco a pouco como o máximo representante da sociedade do espectáculo. A distancia entre a política e o espectáculo redúcese cada vez máis, igual que pasou coa distancia entre o rock and roll e o espectáculo. Entón non está moi claro se queremos dos políticos ese risco atractivo ou o aburrimento perpetuo. E as cousas mestúranse e Rajoy, desconcertado, ofrécenos entretemento permanente cando prometía todo o contrario. Nós queríamos ser como Obama, que suxire elegantemente a súa superioridade racial en canto a talento político, artístico, mental e erótico, pero Rajoy ten o encanto castizo do non acertar nunca pero seguir pretendendo que si. É unha definición de España pero tamén do punk, que fixo do erro a súa razón de ser porque había que rebelarse contra as cousas ben feitas do rock e da política progresivos.

Queiramos políticos ou queiramos estrelas, debemos manter a potencia sexual de Rajoy en segredo porque desvelala remataría co misterio que necesitamos

Entón, poñamos unha ristra de nomes

Conde Roa Keith Richards Bárcenas Johnny Cash Sid Vicious Feijóo Beiras Johnny Rotten Marvin Gaye Fabio McNamara Rubalcaba

E unha lista de palabras clave

Droga Peineta Corbata na cabeza Guitarra Berrar Incapacidade Ridiculización Mafia Asasinato Liberdade Sexo en grupo Ajax Pino Federalismo



E escoitemos como algúns demócratas defenden que o que lle gustaría a certa xente é volver ó tempo no que as cousas se decidían a ostias na porta dun bar ata que algún dos dous sangrara ou morrera. Os motivos para pegarse eran os de sempre do rock e da política: os mods pegan ós rockers porque non son mods, como en todo movemento xuvenil que é fascista porque toda a rebeldía pasa por negar ós demais o dereito a existir. Entón a democracia defende que un ten que respetar as normas ante todo. Pero os mellores gañadores e perdedores de eleccións, esas grandes estrelas, son grandes rebeldes totalitarios e megalómanos que ou ben saltan as normas ou ben as cambian como lles convén. E, igual que nos pasaba con Obama e o seu enorme atractivo, queremos facer o mesmo pero somos demasiado demócratas. A democracia son os pais, e ós pais podemos terlles moito cariño pero o seu é non ser coma eles. O anuncio de Mentos podería ser o principio da revolución, quen sabe. O talento político de Beiras non vén tanto da súa intelixencia e brillantez senon de que a pon ó servizo de tocarlle as pelotas ás normas democráticas ata o punto de saltalas sistemáticamente dentro do seu propio partido que promete a democracia máis extrema. Pero con líderes como Beiras quen quere democracia? A democracia tróuxonos onde estamos, a democracia acabou co rock and roll e hoxe o único que temos é un entretemento permanente tan marabilloso e perfecto que nunca sairemos á rúa salvo que o entretemento estea aí e as manifestacións son de todo menos divertidas. Cando enfrontaremos os poderes sexuais de Beiras e Baltar? Que papel xoga Carme Chacón en todo isto? Tardamos anos en descubrilo, pero o que queremos é sexo, drogas, perigo, baile e rock and roll: votamos ó PP por cobardía para que o fagan por nós e a Eduardo Madina fáltalle unha perna co cal vai ser unha opción minoritaria en calquera deses aspectos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario