domingo, 12 de enero de 2014

“Estou Realmente Asustada Cando Mato Nos Meus Soños”

por Kim Gordon
ilustracións de Lúa Picnik




Na primavera de 1981 o grupo de rock Public Image Ltd. (PiL) tocou no Ritz en Nova York. A pantalla de video tamaño cine daquel club, que funcionaba como unha barreira e se usaba para crear ou motivar a reacción da audiencia, foi o centro da actuación. Os tres membros de PiL eran proxectados na pantalla, como sombras (eran iluminados por detrás para as cámaras de video) e como imaxes de video. Unha imaxe xigante da cara de John Lydon, rindo, apareceu, máis grande que o Mago de Oz. Comezou a cantar, e entón a imaxe en directo cambiouse por unha cinta pregravada dun demente video comercial de rock. Furiosa diante das fantasmagóricas, ritualísticas siluetas do grupo detrás da pantalla – en lugar de, como habitualmente, directamente enfronte deles – a audiencia interrompía constantemente a música. Bombardearon a pantalla con botellas ata botala abaixo. O grupo non pretendía causar un disturbio; nas súas palabras, estaban probando algo novo. Non querían continuar mecánicamente co rol aprendido de entertainer rock. Como Keith Levene de PiL recalcou nunha entrevista na revista ZigZag en agosto de 1981, “Eres máis honesto poñendo un video ou enviando un video a facer trinta datas en lugar de mandar unha banda por aí a facelo... Estás de pé alí dicindo 'despois de que mercarades o noso álbum por tantas libras e escoitarades o xeniais que somos podedes sentar diante de nós e ver o xeniais que somos...'” Dende aquela PiL volveu á actuación rock convencional.



É case necesario para unha banda de rock traballadora no circuito de clubes ter un axente de contratación e/ou manager. Se o propietario dun club trata directamente coa banda, e non cun compañeiro de negocios, ofrecerá menos diñeiro. Os grandes clubes de rock en Manhattan teñen todos basicamente a mesma política para tratar coas bandas. Algúns destes son verdadeiros escaparates pero outros son só fachada. Fanse envíos de propaganda para veladas especiais; estas noites non son realmente especiais, pero si dan a impresión de ser patios de recreo para o mundo artístico, atraendo así ó mundo non-artístico a un evento supostamente chic polo que pagarán. (Como en pasados movementos da vangarda, estes clubes aprópianse da “lei da asemblea” no sentido de que o “mundo real” e o “mundo da arte” se separan en capas.) Co obxectivo d manter unha aura de elite os clubes tamén ofrecen o seu espazo para festas de “noites de arte” ou festas de cine e video ás que só se entra por invitación. Renovándose constantemente, abrindo novas pistas e redecorando, cada clube pelexa pola posición de “clube de arte favorito”, como unha alternativa aínda máis nova ós espazos alternativos do mundo artístico. Semella ser o que o mundo artístico quere. E na outra cara, as noites de video/música nos “espazos alternativos” oficiais están deseñadas para replicar a atmosfera lounge dos clubes, con monitores e coxíns esparcidos informalmente a través das habitacións. Así a relación simbiótica converteuse case nunha fórmula para unha certa clase de éxito nos mundos da arte e dos clubes.

A atmosfera de club fai tan pouco pola arte que está innovando como polas bandas, e tende a subordinar a arte ó propio sitio. Mesmo unha visión tan personal como a de Jim Fouratt, cando se ocupou da contratación noutro club de Nova York, Danceteria, pode rapidamente tornar nunha embalaxe explotadora. O apoio que deu ás bandas americanas (cunha concentración en bandas locais, de Nova York), en lugar de seguir a política máis segura de contratar bandas inglesas en xira, verdadeiramente creou unha situación alternativa nos clubes por un curto tempo. A súa noción da arte nos clubes – exemplificada por esta actitude cara a música – non tratou simplemente a arte como decoración de interiores, senon que lle permitiu manter unha certa integridade. A principal atracción nos clubes estilo lounge é unha sorte de voyeurismo sexual estilo rañaceos formado pro proxeccións, en diferentes pistas, de diferentes eras e “estilos de vida” estilizados.



Así como na escena de clubes do pasado había o que se chamaba “Fuck Rooms”, agora a atmosfera neles é normalmente deseñada para ser máis ben de sublimación, ata o punto dunha esterilidade que se converteu nunha clase de erotismo non sexual. A noción de resistencia – a retención do contacto entre a xente – é unha situación común nos clubes actuais. A súa atmosfera deseña a distancia – da arte, da música, das outras persoas, e dun mesmo. Os monitores de video son aparatos de deseño estándar; as imaxes están alí para soster ós clientes, mentras as relacións comerciais se mesturan con fantasías – sexuais, laborais ou dalgún outro tipo. A atmosfera lounge fai que a clientela se sinta como na casa ou como na casa de alguén rico, creando unha confortable extravagancia típica dos clubes privados pequenos e exclusivos. As imaxes amosadas nos videos pasan máis ou menos desapercibidas, e funcionan máis ben como as televisións que se deixan acesas. No seu discurso sobre a desaparición do tráxico, causada pola desaparición do suxeito na arte e a súa subsecuente reaparición, Manfredo Tafuri declara, “A experiencia do “tráxico” [neste século] é a experiencia da metrópole...” “A 'intensificación da estimulación nerviosa' inducida pola rápida acumulación de imaxes cambiantes, a penetrante discontinuidade na comprensión dunha simple mirada, e a imprevisibilidade das impresións precipitadas" foron interpretadas por [Georg] Simmel como as novas condicións que xeneran a actitude hastiada do individuo da metrópole...” (de Architecture and Utopia: Design and Capitalist Development, 1976). A diferencia dun estilo decadente en plan “Gran Gatsby”, esta xente pagan todos entre 5 e 10 dólares polo seu placer e entretemento sexual. A maioría das bandas contratadas tocan rock bailable e accesible.

Cando estás realmente no escenario logo de lidiar coa “merda do rock'n'roll” e darte de conta de como o sistema de son da discoteca está moito máis alto que o que ti estás usando para tocar, rezas para que os teus instrumentos non se rompan e comezas a tocar. Esquéceste de calquera outra cousa no mundo. Esqueces canto cobras e que non estás realmente tocando para rapaces novos entusiasmados, senon para aburridos xóvenes adultos - e vólvese un reto tentar movelos, reventar os seus cerebros, poñer algo cortante na atmosfera usando o que é agora unha ferramenta social tecnolóxicamente primitiva, a guitarra eléctrica.



O clube é o mediador ou marco a través do cal a música é comunicada. A banda literalmente enchúfase na tecnoloxía do club para magnificar o son, transformando unha posibilidade nalgo auténtico, facendo o que os propios músicos escoitan accesible a unha audiencia. A xente paga para ver a outros crer en si mesmos. Tal vez a xente non sabe se eles poden experimentar o erótico ou se só existe nos anuncios; pero no escenario, no medio do rock'n'roll, moitas cousas suceden e calquera cousa pode suceder, tanto se a xente ven de voyeur ou ven para entregarse ó momento. Como un intérprete sacrifícaste a ti mesmo, atravesas os movementos e as emocións da sexualidade para toda a xente que paga para velo, para crer que existe. Canto mellor e máis convincente sexa a interpretación, máis poderá a audience identificarse co aspecto envolto en tal gasto de enerxía. Os intérpretes parecen estar rendéndose á audiencia, pero no proceso conseguen o control das súas emocións. Comezan a dominar a situación a través da admiración inspirada pola súa total rendición a eles. Alguén que traballa duro no seu traballo non vai converterse nun “heroe”, pero pode gañar os cartos suficientes para poder permitirse ser liberado temporalmente a través do entretemento. A un intérprete, porén, como o heroe, pagaranlle para ser sexualmente incontrolado, pero pero seguirá estando á mercede dos clubes e da maneira na que os medios dan forma á identidade. Canto tempo pode un continuar exercendo intensidade antes de volverse amaneirado e deshonesto?



A noción de fundir a vangarda e a cultura popular (a tecnoloxía multimedia) nun artista atópase na súa forma máis exitosa nas recentes actuacións de Laurie Anderson. A posición que Anderson representa, como alguén que trascendeu o illamento do mundo da arte, implica unha clase de heroismo diferente a aquel da personaxe do rock'n'roll, que representa, aínda que sexa miticamente, un sentido de sexualidade real, de vida ou morte reais. A aparencia andróxina de Anderson e a súa voz mecánica crean unha impresión de perfección organizada, expresando o ideal como non sexual. Ela creou a súa propia atmosfera de dominación e simulación duha tecnoloxía que é normalmente mistificadora. En calquera sitio no que actúe, consegue o que os clubes non poden; manipula á audiencia a través do non visto, creando momentos que cambian e se moven sen esforzo. Como nas presentacións multimedia de organizacións relixiosas e negocios corporativos, a seducción de Anderson suxire, “Senta e reláxate, non penses, déixanos facelo por ti, déixanos ensinarche como.” Ela está a identificarse cunha orde máis alta de poder tecnolóxico. A tecnoloxía que crea as conveniencias para un certo tipo de “supervivencia” (e coas aparencias da vida – erotismo, placer) dentro do sistema de comodidades está dispoñible para científicos, publicidade corporativa e outros medios comerciais, pero non para artistas. Nun esforzo para alcanzar o mesmo grao de autoridade que aquel conseguido a través dunha seducción tecnolóxica, o intento orixinal da arte/artista é intercambiado polos obxectivos dos “outros”, isto é, pola apropiación da xente.




Elvis Presley, Eddie Cochran, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jim Morrison, Sid Vicious, Darby Crash e Ian Curtis morreron todos polo noso sentido de “heroismo” oposto ás representacións conceptuais que fai Anderson do neo-heroismo. Usando os seus egos para dar forma á música – nalgúns casos crendo na imaxe que deles crearon os medios e noutros formándoa eles mesmos, creran nela ou non – usaron esa imaxe para destruír, dentro do seu propio sistema, o estándar do que sucedera antes, dando pé a novas formas. A audiencia pagou para velos facer isto, e tamén para presenciar a destrución das propias vidas dos artistas – a liberdade ilusoria converténdose nunha verdadeira liberdade...

No hay comentarios:

Publicar un comentario